Sunday 28 de April de 2024

A Xunta concede máis de 400.000 euros en axudas a 12 asociacións protectoras e 17 entidades locais para o coidado de animais domésticos abandonados


O Diario Oficial de Galicia publica a Resolución das subvencións para a atención e coidado dos exemplares baixo tutela dunha protectora ou dun concello, así como para a compra de material

A Xunta publica a Resolución sobre as ordes de axuda para sufragar os coidados de animais domésticos abandonados, que se resolve coa concesión de máis de 400.000 euros a 17 entidades locais (218.090 €) e 12 asociacións protectoras (185.684 €).

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de 2021, que se dividiu en dúas ordes: unha dirixida a entidades locais, como administracións responsables da recollida e acollemento de animais abandonados e da xestión das colonias felinas; e a outra, destinada a asociacións inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.

As subvencións concedidas axudarán a sufragar gastos como a esterilización cirúrxica dos exemplares que tutelan; a identificación dos mesmos mediante implantación de microchip, inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac) e expedición do pasaporte sanitario; a compra de alimento; e a vacinación preventiva e desparasitación, entre outras medidas profilácticas.

Cómpre lembrar que, no caso as entidades protectoras debidamente rexistradas, tamén podían solicitar axudas para a realización de campañas de concienciación, promoción da tenza responsable e fomento das adopcións, así como para comprar material non funxible co fin de dotar aos centros que xestionan dos medios necesarios para atender aos animais.

Para a Xunta a protección dos animais domésticos é unha prioridade, por iso desde 2017 leva mobilizado un orzamento global de máis dun millón de euros, coa que atender os coidados e necesidades dos animais abandonados. Ao tempo, mantén campañas de sensibilización sobre a tenza responsable de mascotas, para evitar o abandono e incidir na tenza responsable.

Asemade, impulsou unha a Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, que entrou en vigor en xaneiro de 2018, para dar resposta a dous obxectivos principais: combater o maltrato en calquera das súas formas e promover o abandono cero na Comunidade a través do fomento das adopcións e da concienciación social sobre a tenza responsable de animais domésticos.